O Consello da Xunta autorizou este xoves a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural, a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela para o desenvolvemento do inventario forestal continuo de Galicia. O obxectivo desta iniciativa, segundo informou o Goberno galego, é establecer unha folla de ruta conxunta que permita, por unha banda, facer un seguimento da cantidade e do estado das masas arboradas e, por outra, crear unha estratexia de apoio ás decisións en materia de política forestal mediante un sistema de monitoraxe forestal continuado.
O orzamento total para o desenvolvemento do convenio ascende a máis de 640.000 euros, dos que 574.000 serán achegados pola Consellería do Medio Rural e outros 68.000 polas dúas universidades participantes. O convenio, que desde a Universidade de Vigo será coordinado pola Escola de Enxeñaría Forestal, terá unha duración de tres anos e rematará coa posta en marcha deste “inventario forestal continuo”. Nese senso, a Xunta sinalou que dispor de “información continua e precisa sobre o estado dos recursos dos montes é imprescindible para abordar as políticas forestais”, de tal xeito que estas non respondan só a problemas específicos, senón que fagan posible “valorar todos os aspectos de cada medida coa finalidade de mellorar a súa planificación estratéxica e económica”.