A presenza nos áridos que arrastran da súa recollida de elementos como sílice ou potasio fai que, a pesares do seu alto poder calorífico, as pacas xeradas nos montes galegos cos restos das cortas forestais tivesen tradicionalmente un escaso aproveitamento para a produción enerxética. Dando continuidade a un estudo realizado en 2017, investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal analizaron as condicións que, en materia de secado, empacado ou transporte, permitirían un mellor aproveitamento desta biomasa residual. O estudo foi realizado para a empresa Greenalia, que proxecta empregar 500.000 toneladas destes restos de corta na planta de xeración de enerxía eléctrica a partires de biomasa que porá en marcha en Curtis.
Fronte a outra serie de produtos enerxéticos como os pélets, “as pacas teñen outras connotacións, tanto polo seu tamaño, como pola súa composición, que fan que sexan un tema pouco estudado”, recoñece o catedrático da EE Forestal Luis Ortiz. Xunto aos investigadores do grupo de biocombustibles sólidos, Ortiz realizou unha análise de 15 pacas de restos de corta de diferentes procedencias, proporcionadas por Greenalia, co propósito de tratar de definir “unha metodoloxía máis ou menos estándar” para o tratamento con fins enerxéticos deste tipo de biomasa. O estudo realizado pon de relevo que é preferible realizar as cortas “en outono ou inverno” para logo deixar secar a biomasa “dous ou tres meses”, antes de empacar, xa que deste xeito redúcese a súa porcentaxe de humidade, permitindo “que o seu rendemento térmico aumente case un 40%”, ao mesmo tempo que se evita a proliferación de fungos no tempo que permaneza almacenada.