A súa situación a carón do Lérez e preto tamén da Xunqueira de Alba fai que o campus de Pontevedra sexa un espazo transitado por diferentes especies de aves. Co propósito de dotalas dun espazo no que aniñar e, ao mesmo tempo, concienciar á comunidade universitaria da importancia que ten a preservación da biodiversidade, sete caixas niño elaboradas no taller de madeira da Escola de Enxeñaría Forestal instálanse nestes días en diferentes árbores do campus, nunha iniciativa inserida no proxecto Green Campus. “Ás veces con xestos tan pequenos como este conséguense transmitir valores importantes, de conservación, de respecto polo medio ambiente e de educación”, salientou o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, respecto dunha actividade inserida no quinto plan de acción do proxecto polo que Pontevedra converteuse no primeiro campus de España en obter a bandeira verde que outorga a Foundation for Enviromental Education, a través da asociación Adeac.
Xunto a Souto, o director da EE Forestal, Juan Picos, o técnico da escola Luis Torres e a bolseira da Oficina de Medio Ambiente Nerea Mallo participaron este mediodía na colocación da primeira das sete caixas que nestes días se instalarán nas árbores do campus. “Depende da especie, pero moitas comezan o mes que vén a facer os niños”, apuntou Souto, que explicou que esta actividade “forma parte dunha estratexia de educación ambiental”, pero que busca ao mesmo tempo, axudando ás aves a ter sitios nos que aniñar, “facer do campus un espazo máis agradable.