A industria forestal e da madeira alcanzou en 2018 unha facturación conxunta de preto de 2300 millóns de euros, un 2% máis que no exercicio anterior, e presentou unhas cifras de récord en materia de exportacións, con máis de 900 millóns de facturación. Estes son algúns dos datos recollidos no informe A cadea forestal-madeira de Galicia 2018, promovido pola Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) da Xunta de Galicia e coordinado polo director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos.
O informe, “que intenta compilar algunhas das magnitudes básicas da cadea forestal-madeira”, como explicou Picos, presentouse este luns na escola nun acto no que participaron o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde; o vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o director de Xera, Ignacio Lema, así como diferentes representantes desta industria. Trátase, sinalou Conde, “dun sector que segue xerando emprego, un 4,8% máis que no ano anterior, e que está moi vinculado ao desenvolvemento rural”. O conselleiro subliñou tamén o protagonismo que a industria forestal e da madeira “está chamada a ter no novo paradigma da economía circular e da bioeconomía”, aspecto no que tamén incidiu Soto, quen salientou o carácter “estratéxico” do sector para Galicia.