A contaminación luminosa, as mareas vermellas, a xestión do monte e a paisaxe ou a conservación de especies como o oso ou as píntegas serán algúns dos temas que este sábado 23 de novembro abordarán na Escola de Enxeñaría Forestal as III Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade. Promovidas pola Delegación de Pontevedra da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) coa colaboración deste centro, estas xornadas reúnen no seu programa un total de nove conferencias, complementadas o domingo 24 coa proxección dun documental no Museo de Pontevedra.
O representante da Delegación de Pontevedra da SGHN, José Rodrigo Dapena, o director da EE Forestal, Juan Picos, e o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, presentaron este xoves o programa dun evento que mantén aberta a súa inscrición. “Estamos moi orgullosos de ser anfitrións por terceiro ano destas xornadas, que nos permiten complementar, con relatores de moita calidade, algúns aspectos que son parte do noso plan de estudos, como pode ser a conservación e restauración do patrimonio forestal”, salientou Picos, que subliñou o positivo desta colaboración cunha “entidade da tradición e o prestixio no estudo e defensa do medio natural como a SGHN”. Nesa mesma liña Carlos Souto lembrou que a SGHN forma parte do Comité Ambiental do Green Campus e sinalou que estas xornadas “céntranse na defensa do patrimonio natural e a biodiversidade, dous obxectivos esenciais dentro da concienciación ambiental”. Fano ademais, engadiu, “a través da educación” polo que “encaixan perfectamente dentro da filosofía do Green Campus, que trata de educar en aspectos que melloren a nosa contorna desde o punto de vista ambiental”.