Os bosques, a “medicina enferma” coa que combater o cambio climático

Nun contexto de “catástrofe climática”, os bosques constitúen “a principal medicina para enfrontarse o cambio climático”, mais trátase dunha medicina que se atopa á súa vez “enferma”, segundo salientou o naturalista Joaquín Araújo na conferencia que este martes impartiu na Escola de Enxeñaría Forestal, no marco dunha xornada promovida polo programa Green Campus. No mundo, alertou este xornalista e divulgador ambiental, cuxa traxectoria foi recoñecida en 1994 co Premio Global 500 da ONU, destrúense diariamente “non menos de 20 millóns de árbores”, o que supón, lembrou, que “estamos destruíndo o antídoto” contra os efectos do cambio climático.

“Polos parámetros básicos do que é a catástrofe climática, atopámonos con que a principal medicina para enfrontarse ao cambio climático é o bosque, pero cunha particularidade que xa se achega ao cualificativo de traxedia; que é unha medicina enferma”, sostivo Araújo, autor de máis de cen libros, director de numerosos documentais e responsable, xunto con Félix Rodríguez de la Fuente, da Enciclopedia Salvat de la fauna ibérica e europea. Fíxoo nunha conferencia enmarcada nunha xornada dirixida “a difundir os valores do Green Campus e da educación ambiental”, que se completou cun reparto de bidóns e un mercado de produtos de proximidade. Así o explicou o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, na presentación do relatorio deste “defensor do medio ambiente, da natureza e de todo o que significa o ecoloxismo activo desde hai máis de 50 anos”.

Ler a noticia completa no DUVI