En Galicia existen máis de 4000 apicultores e apicultoras, están rexistradas máis de 160.000 colmeas e prodúcense máis de 2000 toneladas de mel ao ano. Estes son algúns dos datos, procedentes de diferentes fontes, que investigadores do grupo AF-4 da Escola de Enxeñaría Forestal reuniron nun informe dirixido a compilar toda a información existente sobre a produción apícola na comunidade autónoma e a incidencia que nesta pode ter o eucalipto. “O estudo trata de ver cal é o potencial das especies forestais na produción melífera en Galicia, do que se sabe moi pouco”, recoñece o investigador principal do grupo, Enrique Valero. Tras esta análise inicial, explica, o seu obxectivo será agora coñecer a capacidade de producir pole e néctar dos eucaliptos, dado o seu adiantado e longo período de floración, e máis en concreto do Eucalyptus nitens, unha especie presente en zonas con maior altitude.
Xunto a Valero, os estudantes da escola Manuel Viso e Sergio Lamosa e os tamén investigadores do grupo AF-4 Xana Álvarez, Francisco Abilleira e Fátima Otero participaron na elaboración deste estudo, que tiña como obxectivo “coñecer onde estamos, saber cal é a situación da apicultura, as especies forestais melíferas e do eucalipto en particular, para a partires de aí saber que faría falta estudar”, como sinala Viso. Nese senso, Valero pon o acento en que en Galicia “existen especies cuxa contribución á produción melífera é moi importante, como por exemplo o castiñeiro”, o breixo, o érbedo ou a “primeira árbore que florece no ano”, o eucalipto, cuxo período de floración pode prolongarse “ata catro meses”, contribuíndo así a que as poboacións de abellas “se mostren activas moi cedo, despois da quenda de hibernación e desenvolvan colonias fortes ao inicio da primavera”.