Dispoñibilidade e adecuación de recursos materiais e servizos

Os espazos destinados ao traballo e ao estudo do alumnado, así como o equipamento necesario para o desenvolvemento das súas tarefas, se adecuan en cantidade e calidade ao número de alumnas/os e ás actividades programadas no desenvolvemento do Programa Formativo.

Ademais existen espazos e equipamento adecuado para o desenvolvemento e a coordinación das funcións do persoal académico e de administración e servizos.

Aulas

Na táboa seguinte relaciónanse as aulas destinadas a docencia das que dispón o Centro:

Aula Totais En posición de examen
1 65 35
2 65 35
3 65 35
4 104 56
5 104 56
6 104 56
7 104 56
8 104 56
9 104 56

 

Laboratorios

A relación de laboratorios docentes e de investigación da Escola de Enxeñaría Forestal é o seguinte:

  • Laboratorio de Física
  • Laboratorio de Topografía
  • Laboratorio de Edafoloxía
  • Laboratorio de Enxeñaría Eléctrica
  • Laboratorio de Xiloenergética
  • Laboratorio de Incendios
  • Laboratorio de Hidráulica e Higroloxía Forestal
  • Laboratorio de Enxeñaría Mecánica
  • Laboratorio de Celulosa, Pasta e Papel
  • Laboratorio de Ecoloxía
  • Laboratorio de Enxeñaría Química
  • Laboratorio de Produción Vexetal
  • Laboratorio de Aproveitamentos Forestais
  • Laboratorio de Proxectos
  • Laboratorios de Informática.
  • Laboratorio de Selvicultura e Repoboacións
  • Laboratorio de Dasometría e Ordenación de Montes – Laboratorio de Enxeñaría do Medio Ambiente
  • Laboratorio de Silvopascicultura
  • Laboratorio de Enxeñaría Cartográfica

 

Ademais dos laboratorios convencionais a escola conta cos seguintes espazos complementarios:

  • Salas informáticas: Dúas salas dotadas cun total de 50 postos informáticos. Estes espazos compleméntanse con diversas salas de computadores de libre acceso noutros edificios do campus ás que pode acceder todo o alumnado das diferentes titulacións.
  • Xiloteca: Esta dependencia onde se alberga a colección de madeiras ten, en primeiro lugar unha vocación docente, pero tamén se configurará como espazo visitable pola cidadanía que sirva en primeiro lugar, como medio de difusión da riqueza do sector forestal e ao mesmo tempo como espazo de formación para os centros educativos que desexen visitarnos.
  • Taller de Madeiras: Dotado de equipos como serras industriais, serra de cinta, cepilladoras, secaderos industriais, equipo de vernizado industrial, máquina de control numérico. Actualmente atópase en proceso de acreditación para a impartición de formación a profesorado de FP.
  • Planta piloto de Xiloenerxética: dotada con astilladora (500 kg/h), briquetadora e alimentador (100kg/h) e peletizadora (600 kg/h).

O Informe de Avaliación Externa para a Renovación da Acreditación en abril de 2016 inclúe entre as fortalezas do título, “Os recursos materiais e servizos postos ao dispor do desenvolvemento do título son suficientes en función da natureza, modalidade do título, número de estudantes matriculados e competencias a adquirir polos mesmos”.

A partir das recomendacións do Informe de Avaliación para a Renovación da Acreditación e do informe sobre o Plan de Viabilidade, a Comisión de Garantía de Calidade do Centro aprobou levar a cabo unha análise para a mellora dos Laboratorios de Madeiras ou de Celulosas, para iso mellorouse a dotación deste laboratorio de forma substancial.

 

Outros equipamentos

  • Seminarios: A Escola dispón de tres seminarios con tabiques móbiles que permiten a súa unión en función das necesidades. Estes espazos polivalentes adoitan utilizarse, entre outras cousas para traballo en grupo.
  • Salón de Actos: Disponse dun Salón de Actos con capacidade para 350 postos equipado cun tabique móbil que permite a súa división en dous salóns de 180 postos. Este salón, pola súa capacidade é utilizado en numerosos actos institucionais no Campus.
  • Sala de Xuntas/Sala de Graos: O edificio conta cunha sala de capacidade 50 persoas que se utiliza como salga de graos e sala de Xuntas.
  • Servizo de Biblioteca: A Biblioteca Central do Campus de Pontevedra conta con instalacións propias na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e atópase a 25 metros da Escola. É un servizo xeral accesible para todos os estudantes, profesores e investigadores e persoal da Universidade de Vigo. O seu obxectivo é xestionar e poñer ao dispor da comunidade universitaria un conxunto de recursos e servizos de información como apoio ás súas actividades de aprendizaxe, docencia e investigación.
  • Outros recursos materiais: Á parte das infraestruturas e dotacións situadas en espazos concretos de docencia-aprendizaxe, existe material diverso que pode ser utilizado por profesorado e estudantes na súa actividade no centro. O uso deste material é controlado polo servizo de Conserxería da Escola mediante un sistema establecido que inclúe o compromiso para unha utilización adecuada por parte do usuario. O material dispoñible consiste en: computadores portátiles, proxectores dixitais, reprodutores de vídeo en diversos formatos, monitores, escaleiras de man, cables de conexión, etc.
  • Conexión inalámbrica: A Universidade de Vigo ten implantada unha rede sen fíos que se estende a todos os centros de todos os campus. A rede foi deseñada para que funcione cos sistemas operativos máis usados. A rede está preparada para o estándar 801.11 b (11 Mbps) e 802.11 g (54 Mbps) e 802.11 N (nalgúns sitios), polo que funcionarán todos os tipos de tarxetas.
  • Servizo de cafetería e restauración: O Centro dispón de servizo de cafetería, ademais de máquinas de café, bebidas e alimentos para toda a comunidade. Doutra banda, existen fontes de auga potable de libre disposición.

 

Servizo de teledocencia (FAITIC)

Faitic é unha iniciativa do Vicerreitorado de Innovación e Calidade da Universidade de Vigo, desenvolta a través da área de Tecnoloxías da Información e Comunicacións ( ATIC), que pretende ser un servizo de complemento á docencia, baseado na internet como contorna e que se dirixe, por unha banda, ao profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos e, por outra, ao alumnado preuniversitario que teña en mente cursar os seus estudos superiores nesta universidade.

Como valor engadido, este servizo convértese nunha ferramenta útil para afrontar os retos que supón a converxencia co Espazo Europeo de Educación Superior ( EEES) e o uso das novas tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) na docencia universitaria.