Escola de Enxeñaría Forestal

Presentación

Escola de Enxeñaría Forestal

A existencia de centros universitarios de ensinos forestais en Pontevedra foi unha reivindicación histórica dende hai case 60 anos. Xa en 1957 solicitouse oficialmente que en Pontevedra houbese estudos forestais universitarios:

"... de crearse máis escolas que a existente en Madrid, sería lóxico que se localizase en Pontevedra..."

En 1959 a Deputación de Pontevedra presentaba ante a Dirección Xeral de Ensinos Técnicos do Ministerio de Educación a solicitude de complementar Misión Biolóxica e o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, con estudos profesionais universitarios:

"O funcionamento de tales centros profesionais -dicía o acordo- sería de transcendental importancia para os intereses económicos e culturais desta provincia. Porque aquí reside unha das riquezas forestais de maior volume"

Coas transferencias autonómicas, esta demanda histórica rexorde a mediados da década do oitenta, cando numerosas voces dentro do sector forestal e do mundo universitario galego pronunciáronse a favor da creación de Titulacións e Centros universitarios forestais. Esta demanda cristaliza na inclusión por parte do Plan Forestal de Galicia, redactado entre 1989 e 1992 e aprobado o 17 de Xullo de 1992 pola Comisión de Agricultura, Gandería e Montes do Parlamento de Galicia, entre as súas actuacións estratéxicas a creación dun Centro Universitario forestal. Neste marco créase para o curso 1991-1992, a Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal de Pontevedra, dependente da Universidade de Vigo.

Sobre a base do desenvolvemento histórico que tivo a titulación, así como coa experiencia galega na política forestal, comézase a impartir en 1992 en Pontevedra a titulación de Enxeñeiro Técnico Forestal con especialidade en Industrias Forestais dentro da Universidade de Vigo.


Desde entón con diversos cambios no Plan de Estudos, a Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra (en diante EEF) constitúese como o único centro de carácter exclusivamente forestal de formación universitaria en Galicia. Actualmente imparte o Grao en Enxeñaría Forestal tanto coa especialidade "Explotacións forestais" como "Industrias forestais" que habilita á profesión regulada de Enxeñeiro Técnico Forestal.


MÁIS INFORMACIÓN:

Presentacion da EEF na xornada "Tecendo Redes"
Documento de Aliñamento Estratéxico EEF - Plan de Acción para o Sector Forestal na Economía Verde