Escola de Enxeñaría Forestal

A EE Forestal reivindica a madeira como o material do futuro

Francisco Conde salientou a capacidade de transferencia do centro

“Nestes momentos, a industria forestal demanda cada vez máis tecnoloxía, máis formación e máis deseño e, nese sentido, a Universidade é o centro fundamental no que se están a desenvolver as novas solucións, os novos procesos e, sobre todo, os novos materiais que están permitindo que a nosa industria sexa cada vez máis competitiva”. Deste xeito puña de relevo o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, o importante papel que, en materia de formación, investigación e transferencia de coñecemento ao sector xoga en Galicia a Escola de Enxeñaría Forestal, no marco da visita que este martes realizou ao centro do campus pontevedrés e na que puido coñecer as modificacións e liñas de traballo dos laboratorios vinculados coa especialidade de Industrias da Madeira, nos que, como explicou o director da escola, Juan Picos, avógase polo desenvolvemento de accións conxuntas que contribúan nese senso, a pór en valor a madeira “como o material do futuro”. 

20190129

Acompañado tamén polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, polo director da Axencia da Industria Forestal da Xunta, Ignacio Lema, así como por profesorado da escola, Conde puido nese senso nesta visita coñecer os laboratorios que permiten neste centro abordar, tanto desde o punto de vista docente como investigador, os tres eixos de traballo vinculados á transformación da madeira, como son a transformación enerxética, mecánica e química. Tres eixos vinculados, como lembrou Picos, a unha liña estratéxica da escola como é explorar as múltiples posibilidades dun material biodegradable “cunha capacidade de transformación da que aínda non exploramos todo”. De aí que o director da EE Forestal defendese que a madeira “é o formigón do futuro na construción, o aceiro do futuro en materiais adicionais, o plástico do futuro e tamén a enerxía do futuro”, un enfoque, explicou, que motivou á súa vez “modificacións nas materias e nos laboratorios”. 


Ler a noticia completa no DUVI