Escola de Enxeñaría Forestal

A EE Forestal reivindica o papel da educación na conmemoración do Día Internacional dos Bosques

A escola promove tamén unhas xornadas de portas abertas

Os bosques e a educación é o lema escollido pola FAO, a Organización para a Agricultura e a Alimentación das Nacións Unidas, para conmemorar neste 2019 o Día Internacional dos Bosques, e a educación relacionada co eido forestal foi nese senso o eixo central da conmemoración que este mércores, na xornada previa á celebración deste día internacional, Juntos por los Bosques, asociación que reúne a máis de 30 entidades relacionadas co sector, entre elas a Escola de Enxeñaría Forestal, promoveu no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, en Boqueixón (A Coruña). Presidido polo rei Felipe VI, esta conmemoración, que Juntos por los Bosques celebraba por primeira vez en Galicia, contou coa participación de preto de 150 representantes do sector público e privado, entre eles representantes das dúas universidades galegas que imparten o grao de Enxeñaría Forestal. De feito, o primeiro dos discursos que integraron este acto correspondeu a Juan Picos, director da EE Forestal do campus pontevedrés, quen puxo de relevo como á educación forestal corresponderalle “garantir profesionais capacitados para resolver problemas complexos”, dado que, “moitos dos retos medioambientais aos que se enfronta o planeta están afectando ás masas forestais”.

20190320

O presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo; o ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Luis Planas, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; ou o reitor da USC, Antonio López, foron algunhas das autoridades participantes nun acto no que a Universidade de Vigo estivo representada polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, quen participou tamén no percorrido realizado por Felipe VI polas instalacións do centro de Sergude, así como polo director do Campus Crea, Carlos Souto, e investigador principal do grupo AF4 da EE Forestal, Enrique Valero.


Ler a noticia completa no DUVI