Escola de Enxeñaría Forestal

O futuro da ciencia exhíbese no campus

Alumnado de primaria e secundaria e familias presentan 47 investigacións

Preto de 350 alumnos e alumnas de nove centros de primaria da cidade participaron na mañá deste venres na Escola de Enxeñaría Forestal na presentación dos resultados dun total de 19 experimentos desenvolvidos nas aulas no que foi o arranque da Feira da Miniciencia, a fase final do programa Pontenciencia, que o Concello de Pontevedra promove xunto coa Universidade de Vigo co propósito de espertar o interese pola investigación científica entre as novas xeracións. A estes 19 proxectos súmanse as 20 investigacións realizadas por máis de 50 estudantes de cinco centros de secundaria e ás oito investigacións realizadas por nove familias para un total de 47 investigacións que serán presentadas na sexta edición dun evento que completa a celebración de máis dunha vintena de talleres e actividades.

20190531

A demostración de que refrescos e bebidas enerxéticas poden causar danos nos dentes realizada por alumnado do CEIP San Benito de Lérez, o estudo de como peso, forma e o tipo de fluído determinan a capacidade de flotar de diferentes obxectos realizado estudantes do CEIP Cabanas ou o proxecto de “prótese reciclable” realizado polo alumnado do CEIP Froebel, que partindo da análise dos danos que causan as minas antipersoa deseñou e programou unhas próteses que, con material de refugallo, reproducen os movementos dunha man, son tres exemplos dos proxectos que nenos e nenas defenderon nesta xornada diante do comité avaliador de Pontenciencia. “Estamos falando dos alicerces da ciencia do futuro”, sinalou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, quen xunto ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Educación, Carme Fouces, e o director da EE Forestal, Juan Picos, participou na inauguración desta Feira da Miniciencia. “Para nós é un evento moi importante, no sentido de que a Universidade quere fomentar as sinerxías coas escolas e institutos de Pontevedra”, engadiu Soto que destacou á implicación do profesorado cun evento no que aumentan neste 2019 os talleres organizados por representantes da institución académica. “É unha forma de que, desde as primeiras idades, os nenos se acostumen a investigar e profundar nas cousas e a empregar o método científico para chegar a unha conclusión”, engadiu Fernández Lores deste evento financiado pola Fundación para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) do Ministerio de Educación.


Ler a noticia completa no DUVI