Escola de Enxeñaría Forestal

Universidade e Deputación de Pontevedra reunirán especialistas para definir accións contra os lumes forestais

O director da EE Forestal, Juan Picos, coordinará un equipo de expertos de diferentes países

Definir unha serie de directrices concretas que sirvan para guiar o traballo de prevención dos lumes forestais e de mitigación das súas posibles consecuencias. Ese é o obxectivo principal do grupo de 15 expertos e expertas de diferentes países que, baixo a coordinación do director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, traballará nos próximos meses na definición desta serie de medidas, no marco dun proxecto impulsado ao abeiro dun convenio de colaboración de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, que destina 58.000 euros a este proxecto. O reitor da institución académica, Salustiano Mato, e o vicepresidente da institución provincial, César Mosquera, asinaron este martes un convenio que supón “un gran reto” para a EE Forestal, como sinalou Picos, o de “tratar de ir máis aló” da diagnose, de “saber que está a pasar”, para abordar “como temos que enfrontalo”.

Universidade e Deputación

Segundo explicou Picos, o obxectivo desta iniciativa é “poder dar unhas recomendacións baseadas na ciencia para a xestión pública” fronte ao que é “o problema ambiental número un”. Para iso, buscarase “fichar aos e ás mellores” nos diferentes ámbitos que abrangue un “problema complexo, con moitas vertentes”, co propósito de que elaboren en primeiro termo un primeiro achegamento á problemática desde a súa visión e ámbito de traballo, “para que despois entre todos poidamos consensuar e articular unhas recomendacións comúns”. Nese mesmo senso, Mosquera puxo de relevo que o propósito deste convenio non é que este grupo “faga un estudo”, senón que da súa análise e discusión saian “conclusións claras e operativas” que permitan coñecer que medidas son adecuadas para “o maior problema ambiental que temos neste país”. Nunha sinatura que contou tamén coa presenza do vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, Mato salientou pola súa banda este convenio como “un exemplo máis da filosofía de transferencia de ccoñecemento que defendemos desde a Universidade”, neste caso con destino ás administracións, o que fará posible “que esa eficiencia se traduza en boas políticas públicas”.


Ler a noticia completa no DUVI