Alumnado de primaria e secundaria e familias presentan 47 investigacións
Preto de 350 alumnos e alumnas de nove centros de primaria da cidade participaron na mañá deste venres na Escola de Enxeñaría Forestal na presentación dos resultados dun total de 19 experimentos desenvolvidos nas aulas no que foi o arranque da Feira da Miniciencia, a fase final do programa Pontenciencia, que o Concello de Pontevedra promove xunto coa Universidade de Vigo co propósito de espertar o interese pola investigación científica entre as novas xeracións. A estes 19 proxectos súmanse as 20 investigacións realizadas por máis de 50 estudantes de cinco centros de secundaria e ás oito investigacións realizadas por nove familias para un total de 47 investigacións que serán presentadas na sexta edición dun evento que completa a celebración de máis dunha vintena de talleres e actividades.
